tecnocesures

28 outubro 2010

USAR O VELLO OU PRODUCIR ECOLÓXICO

Estamos afeitos a que nos digan “compre unha lavadora de clase enerxética A”, “elixa un coche que consuma menos”, “fagamos ecoaldeas”, “promovamos a arquitectura ecolóxica”, e cousas polo estilo.
Todo iso está ben, pero se levo ese conto á miña vida encóntrome co seguinte:
Eu teño unha lavadora vella, que nin sei de que clase é, poñamos que C... ou D (para o que conto tanto dá), teño un coche que uso con prudencia e consumo bastante pouco por como acelero e demais, e vivo nunha casa que loxicamente xa está construída; ¿convenlle ao Planeta que cambie a lavadora, cambie o coche e constrúa unha ecovivenda nova ou que use o que teño con prudencia?
Así de golpe paréceme que non, que mellor seguir co que teño; a curto prazo sospeito que tampouco, que mellor seguir usando con coidado o que agora teño, porque de aquí a dez anos o que hoxe é ecolóxico será ‘ecoilóxico’ (e non teño claro se dez anos de uso compensarían o impacto que supón conseguir o novo), e dentro de dez anos tería que repetir o razoamento.
Porén, estraño que nos amosen esas contas: as contas medioambientais do que custa producir unha lavadora clase A, por exemplo; sei que funcionando consomen menos electricidade e, por tanto, son máis respectuosas co medio, pero esas lavadoras levan uns materiais que hai que extraer; transformar; fabricar pezas, compoñentes; montalas para facer compoñentes máis grandes ou xa o producto; embalar e transportar materiais, compoñentes, pezas; comercializar; etc., e en todos eses pasos estamos continuamente contaminando, extraendo recursos da natureza e producindo impactos.
Se eu quero ser respectuoso coa Terra, entón, que fago?
Unha cousa sei: Respecto, como Reducir e Racionalizar, empeza con R.
Se reduzo e racionalizo o uso son respectuoso.

Etiquetas: , ,

COCHE 100% ELÉCTRICO OU HÍBRIDO?

Coido que é unha cuestión importante de cara ao futuro próximo do automóbil, na vertente medioambiental.
Hoxe parece que é máis ecolóxico o híbrido xa que, ademais de levar menos baterías (coas menos desvantaxes que iso supón), o feito de obterse a electricidade comercial de xeito 'suxo' leva a que o propio coche eléctrico tamén o sexa indirectamente. A cuestión trasladámola entón ao futuro: Se chegásemos no futuro a producir a electricidade comercial nun, poñamos por caso, 90% usando fontes 'limpas', ¿sería máis ecolóxico un coche 100% eléctrico ou un híbrido?
A resposta non é sinxela e require moita investigación.
En todo caso, estou certo de que a solución ao coche ecolóxico pasa por coches máis racionais: máis lixeiros e pequenos, menos potentes e rápidos, con rodas máis estreitas, menos servizos accesorios... iso si sería unha auténtica revolución na industria do automóbil.
Se alguén quixer abordar este tema para o 2º post sería bo, sempre que o fixer ben...

Etiquetas: , ,